O Concello de Padrón xestiona con Unicode un emoticono para o pemento de Herbón

A Concellería de Turismo de Padrón está a xestionar co consorcio internacional Unicode a creación dun emoticono adicado ao pemento de Herbón para que poida ser utilizado tanto en redes sociais como Facebook como en programas de mensaxería como Whatssap.
“Reivindicamos un `emoji´ propio do pemento de Herbón porque cremos que é un produto que ten a fama nacional e internacional suficiente e porque sería unha forma curiosa e simpática de darlle aínda máis visibilidade”, afirma o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, quen destaca que “hai moitas familias na parroquia de Herbón que viven do cultivo e a comercialización do pemento e desde o concello queremos contribuír a poñer en valor no mercado o consumo dos auténticos pementos de Herbón”.
Segundo explica, esta curiosa idea partiu dos técnicos do Departamento de Turismo, que comprobaron que actualmente existe un emoticono dun pemento vermello “tipo guindilla” e que contactaron inicialmente con responsables de Whatssap para solicitar a creación dun `emoji´ específico para o pemento de Herbón. Desde aí foron remitidos ao consorcio internacional Unicode -adicado á estandarización e codificación de caracteres para poder ser utilizados en calquera idioma-, onde reclamaron unha completa proposta que xa está
Antonio Fernández Angueira indica que esta iniciativa vén a completar a campaña de promoción que se está a desenvolver este ano de forma conxunta desde as concellerías de Turismo e Festexos, en coordinación coa comisión de festas, e coa colaboración de entidades como a Axencia de Turismo de Galicia e Abanca.
No marco desta campaña, ademais da divulgación nas redes sociais e nos medios de comunicación, está previsto que nesta vindeira semana unha foodtruck leve os pementos de Herbón á capital de Galicia e a unha cidade costeira con gran afluencia de turistas para anunciar a celebración da XXXIX Festa do Pemento de Herbón o vindeiro sábado día 5. Nesta trixésimo novena edición o pregoeiro da festa será o locutor José Manuel García, do programa “Come e fala na rede”.
Ademais, tamén se vén de convocar desde o concello un Concurso de Debuxo Infantil no que poderán participar nenos/as ata 12 anos de idade. As bases pódense consultar na Oficina de Turismo de Padrón e o prazo de presentación dos traballos remata o venres 4 de agosto ás 14.00 horas. En total repartiranse tres premios, con dotación económica de 100, 50 e 30 euros, respectivamente, para a adquisición de material escolar.