Semana Santa Padronesa 2019

Data/Hora
Fecha(s) - 12/04/2019 - 21/04/2019
Todos el día

PROGRAMA SEMANA SANTA PADRONESA 2019

Pregón da Semana Santa: Venres  5 de abril

Organizado pola Confraría do Santo Enterro, terá lugar na igrexa parroquial o PREGÓN DA SEMANA SANTA, ás 20:00h. Será pronunciado por Dr. D. Ángel Carracedo Álvarez, Catedrático de Medicina Legal de la Universidad de Santiago y Presidente de la Academia Internacional de Medicina Legal.  Deseguido intervirá a Coral Polifónica Padronesa interpretando algunhas pezas do seu repertorio.

Comezo do  Setenario da Virxe das Dores: Sábado 6 de abril

Organizado pola Confraría da Virxe das Dores, tódolos días ás 19:30h terá lugar o rezo do Santo Rosario e da oración propia do Setenario, trala cal, ás 20:00h, celebrarase a Santa Misa, ofrecida polos fieis devotos de Nosa Señora das Dores, vivos e defuntos.

Venres das Dores: 12 de abril ás 19:30h rezo do Santo Rosario e da oración propia do Setenario. Ás 20:00h, Misa Solemne. A Continuación, organizada pola súa Confraría, sairá a Procesión da Virxe das Dores, percorrendo as rúas de costume.

Misa da Confraría do Santo Enterro: Sábado 13 de abril ás 20:00h, celebrarase a Santa Misa anual polos membros e colaboradores, vivos e defuntos, da Confraría do Santo Enterro.

Domingo de Ramos: 14 de abril ás 11:30h procederase á acollida e imposición de medallas aos novos membros da Confraría do Santo Enterro e seguidamente á bendición das palmas e dos ramos de oliveira na Igrexa parroquial. Ó seu remate sairá a Procesión de Ramos coa imaxe da entrada de Xesús en Xerusalén, que discorrerá o traxecto habitual. Recollido o cortexo procesional terá lugar a celebración da Santa Misa do Domingo de Ramos na Paixón do Señor.

Xoves Santo: 18 de abril

Ás 19:30h terá lugar a celebración da Santa Misa da Cea do Señor. Ó seu termino sairá a Procesión do Encontro ( ás 20:30h aprox.) que seguirá a seguinte orde:

En primeiro lugar fará a súa saída a imaxe de Xesús Nazareno, acompañada polos membros da Confraría do Santo Enterro e de tódalas persoas que o desexen, percorrendo as rúas de costume.

En segundo lugar sairá a imaxe da Virxe das Dores, xunto ás de San Xoán Apóstolo e a Verónica, acompañadas polos membros da Confraría da Virxe das Dores, ademais de algunhas señoras ataviadas con mantilla española e de tódalas persoas que queiran, percorrendo o traxecto habitual.

Na Praza de Macías representarase a escena do Santo Encontro do Xesús Nazareno, camiño do Calvario, coa súa Nai, a Virxe María, na que interveñen San Xoán e a Verónica, actuando de narrador o Rvdo. P. Benjamín Picado González, cmf.

A continuación, nun so desfile procesional, regresará cara a Igrexa.

Na Procesión do Encontro participará a Corporación Municipal do Concello de Padrón.

Ás 00:00h sairá a Procesión da Santa Cruz do Calvario coas imaxes da Santa Cruz, e do Ecce Homo, acompañadas polos membros da Confraría do Santo Enterro portando fachos, ademais dalgúns penitentes arrastrando cadeas suxeitas aos seus pes, acompasados polo ritmo da Banda de Tambores e o son de carracas e matracas. Recollida a procesión, a Igrexa permanecerá pechada ata o venres ás 09:30h.

Venres Santo: 19 de abril

Ás 11:30h realizarase na Igrexa Parroquial o rezo do Vía Crucis.

Ás 18:30h comezarán os Santos Oficios da Paixón do Señor. A continuación representarase a escena do Desencravo de Xesús da Cruz, narrada polo Rvdo. P. Benjamín Picado González, cmf. Ao seu remate ( ás 20:00h aprox.) sairá a  Procesión do Santo Enterro, facendo o percorrido de costume. A Santa Urna do Cristo Xacente percorrerá cortexada polos seus confrades e pola Corporación Municipal do Concello de Padrón, sendo un dos seus membros o portador da Cruz do Calvario.

Recollida na Igrexa a Procesión do Santo Enterro ( ás 21:00h aprox.), fará a súa saída a Procesión da Soidade, popularmente coñecida co nome da Procesión dos Caladiños. Acompañando a imaxe da Virxe da Soidade polo traxecto habitual irán os seus confrades, xunto con algunhas mulleres tocadas con mantilla española e tódalas persoas que queiran unirse ao cortexo mariano.

Sábado Santo: 20 de abril, ás 21:00h comezará a Solemne Vixilia da Resurrección do Señor, coa que se abre o tempo litúrxico de PASCUA.