Área recreativa de Santiaguiño do Monte

Está vostede aquí Portada  > Que visitar >  Área recreativa de Santiaguiño do Monte
Imaxe

Para chegar á área recreativa de Santiaguiño do Monte de Padrón temos dúas opcións. A primeira delas é a pé, a través de 132 escaleiras que nacen moi preto do Convento do Carme, e a segunda, en coche, collendo a AC 299 dirección a Rois, desviándonos á man esquerda a uns 300 metros da ponte de Santiago.
Alí atoparemos un entorno incomparable para o descanso e ocio, dipoñendo dunha zona acondicionada con mesas, grellas, fontes, parque infantil…apta para o goze en familia e amizades.

Estamos ante un xacemento arqueolóxico que podería remontarse á Idade de Ferro (s. III a. C.). A tradición identifícao como un dos santos lugares onde estivo a predicar o apóstolo Santiago na península ibérica, cara ao ano 40 d.C.

Na área sitúase a ermida do Santiaguiño. Descoñécese a data na que se erixiu, mais no s. XV o arcebispo Rodrigo de Luna impulsa a súa reconstrución. O seu interese por Padrón e Iria Flavia (en cuxa antiga colexiata se atopa o seu sepulcro) queda testemuñado no lintel da porta sobre a que loce o seu escudo, (unha cruz cunha media lúa na parte superior). Conta cun pórtico de recente construción onde se colocou en 1999 un busto (retirado posteriormente) do cardeal de Santiago, Martín de Herrera, impulsor das peregrinacións ao lugar e promotor da restauración de finais do s. XIX. Na porta da ermida, na fachada orientada ao leste (antiga entrada), o relevo representa o bautismo da raíña Lupa por parte do apóstolo Santiago. A ambos os dous  lados obsérvase un pináculo cuadrangular, símbolo da ascensión divina.

Interior da ermida

A ermida consta dun único altar presidido pola imaxe pétrea de Santiago, erosionada nos dedos e nas mans debido ao rozamento dos peregrinos durante séculos. Actualmente, este costume só ten lugar durante a novena e a festa do 25 de xullo, data de celebración da famosa romaría do Santiaguiño do Monte.

A partir do s. XV o monte do Burgo comeza a denominarse monte de San Gregorio, na honra ao cóengo de Iria Flavia que reconstruíu a ermida cos seus propios fondos e impulsou a construción de vivendas para familias desfavorecidas, (proxecto que non chegaría a ver rematado). No interior da ermida atópase o seu sepulcro, o cal estivo situado no centro da nave ata a remodelación do templo no 1960.

Fonte

Este lugar identificouse como a gruta na que se agochaba dos seus perseguidores o apóstolo Santiago, polo tanto, dende o s. XV, esta fonte vincúlase co perdón dos pecados. Este era o lugar onde bebían e lavábanse os peregrinos que se aproximaban ao territorio no que o Apóstolo predicou hai case 2000 anos.

A tradición popular mantivo a crenza de que a fonte era froito dun milagre do Apóstolo, quen fixo xermolar auga da rocha ao golpeala tres veces co seu báculo para apagar a sede dunha xentil muller. Na actualidade  mantense o costume popular de recoller a súa auga na véspera de San Xoán para que, xunto coas herbas que se recollen ese día, purifique e libere dos malos espíritos.

As rochas

No conxunto das dez grandes rochas, destaca no centro a figura do apóstolo Santiago predicando sobre unha peaña. Na parte dianteira pódense apreciar varias cruces gravadas e unha inscrición que reza, segundo algunhas interpretacións <<Esmola para Santiago Maior Apóstolo>> ou <<Esmola para Xesús e María>>.  Na rocha superior pódese observar unha cruz pétrea anterior ao s. XVII.

Sabías que…

…no s. XVI os peregrinos subían ás rochas de xeonllos mentres rezaban e remataban o rito pasando polos tres ocos que existen entre elas? A crenza popular asegura que se non se percorren de vivo, hanse percorrer de morto. Ademais, cada un deles recibe o nome de <<inferno>>, <<ceo>> e <<purgatorio>>.

A tradición popular identifica estes ocos como agochos do Apóstolo empregados para librarse dos seus perseguidores. Asegúrase que a pedra cedeu para que Santiago puidese agochar nela a súa cabeza e o seu brazo dereito.


Datos de contacto

Enderezo:
A Trabanca - 15910 Padrón - Padrón. A Coruña
GPS:
42.738172, -8.6670843816205

Os comentarios están pechados.