
Empezou a construírse en 1711. Ata esa data, a igrexa non estaba neste emprazamento, senón máis abaixo, preto da aldea do Pumar.
A nave é rectangular, con capelas laterais cubertas con bóveda de aresta a maior e de canón a do Cristo, a da Concepción e mais a sancristía, mentres que a virxe da Soidade conta con artesoado de madeira.
Aínda que hai máis, destacan catro retablos: o do presbiterio, obra barroca do 1724 profusamente adornada; o de San Francisco dándolle o cordón ás ánimas do purgatorio; o do Calvario ou o da virxe da Soidade.
É interesante o moble da sancristía que, ademais das correspondentes gabetas, ten na fronte fornelos con imaxes coma se se tratase dun retablo. Unha peza tamén única é a fermosa porta pola que se accede a esta dependencia dende o presbiterio.