Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia – Antiga Colexiata

Está vostede aquí Portada  > Que visitar  > Arquitectura relixiosa >  Igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia – Antiga Colexiata
Imaxe

Un dos primeiros templos marianos do mundo

O pasado de Santa María de Iria remóntase á época romana, aínda que non se coñece con certeza o momento no que se levantou a basílica primitiva. A existencia de ata dous templos prerrománicos é defendida por algúns autores que os sitúan paralelos ao desenvolvemento do cristianismo en Galicia. Xa por aquel entón, un deles tiña advocación mariana, pois a tradición sitúa aquí a aparición da Virxe María ao apóstolo Santiago para alentalo a predicar a súa fe pola península ibérica.

Unha catedral anterior á de Santiago de Compostela

As primeiras probas documentais que sitúan a Iria Flavia como sé episcopal son do s.VI. O bispado iriense xoga un papel fundamental no descubrimento do sepulcro apostólico. É o bispo Teodomiro quen dá conta do achado arredor do ano 820, vinculando para sempre a tradición xacobea a esta igrexa. A importancia destas terras confírmase co feito de que a basílica ordénase reconstruír en diferentes momentos a pesar da poderosa influenza que comeza a exercer Compostela e dos sucesivos ataques a mans dos normandos e de Almanzor.

O paso de catedral a colexiata

Co traslado definitivo da mitra a Compostela, o bispo Xelmírez outórgalle no s.XII a condición de colexiata que perdurará ata o ano 1851. Dende ese momento pasa a ser considerada parroquia maior, rango que mantén na actualidade. Do período de esplendor medieval só se conserva a portada principal gótica do s.XIII. As arquivoltas apuntadas enmarcan un tímpano esculpido no que destaca a representación da <<Adoración dos Reis Magos>>.

A necesaria remodelación barroca

Na segunda metade do s. XVII, o arquitecto Melchor de Velasco reforma a capela coñecida como <<Capela do Bispo de Quito>>. Será tamén a finais deste século cando se constate o evidente deterioro da igrexa. Como solución, convócase un concurso ao cal presentan proxectos mestres de obra tan soados como Diego de Romay ou Gabriel de Casas, con todo será un colaborador deste último, Pedro García, quen se encargue da fábrica barroca nos albores do s. XVIII. Esta reconstrución, que contou cun axustado orzamento, foi sufragada, en parte, polas doazóns do bispo de Quito, cuxo sepulcro está na capela do mesmo nome, aínda que os seus restos mortais nunca foron trasladados a Iria Flavia.

Sobrias liñas acollen ornamentados retablos

Exteriormente destacan as torres escalonadas de clara influenza compostelá e no interior cóntanse ata nove retablos de variada imaxinería. A atención principal é para o altar maior, onde podemos atopar unha Virxe María pétrea de época gótica á que se lle incorporou no s.XVII a imaxe do Apóstolo axeonllado. É obra de Miguel de Romay e de estilo churrigueresco. Moi preto encóntrase o coro baixo, probablemente realizado polo mesmo escultor, e o órgano, cunha caixa de gusto rococó. Todo isto está precedido por unha reixa do s.XVI que alberga a imaxe de Santiago Peregrino, tallada tamén por Romay.

Outros datos de interese

A igrexa de Santa María a Maior de Iria Flavia foi declarada Ben de Interese Cultural no ano 1975. O peto de ánimas, situado moi preto do templo, contén unha imaxe de San Francisco de Asís do antigo retablo gótico da colexiata.

HORARIOS:

Visitas inverno:
Luns a Sábado: 18:15 a 19:30 h
Domingos: 10:30 a 12:30 h

Visitas verán:

Luns a domingo: 10:00 a 14:00h e 17:00 a 20:00h

Os horarios de visitas turísticas poden verse interrompidas pola celebración de actos litúrxicos.

Misas:
Sábado: 19:30h
Domingo : 11:30h

Entrada libre


Datos de contacto

GPS:
42.745901, -8.655071675562
Teléfono:
981 810 802 // 981 810 350
Web:
http://www.parroquiadeiriaflavia.es.tl

Os comentarios están pechados.