Padrón acolle en outubro as sétimas xornadas #SaboreaPadrón, con 11 locais participantes

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Turismo, Lorena Couso, presentaron hoxe a sétima edición das xornadas gastronómicas #SaboreaPadrón, que se desenvolverán os días 6, 7, 8, 12, 13, 14 e 15 de outubro e que contarán coa participación de 11 establecementos hostaleiros ofrecendo petiscos a 2 euros.

Nesta ocasión a temática na que se centrará a preparación dos petiscos é o Camiño de Santiago, “como recoñecemento á relevancia que ten o Camiño para Padrón como berce do fenómeno Xacobeo”, segundo explicou a concelleira de Turismo.

Concretamente, os 11 locais participantes e os petiscos que ofrecerán son os seguintes: Café Bar As Camelias (Delicias do Camiño), Cafetería Alfolí (A tosta do Camiño), Cafetería Bámbola (O mirador do Camiño), Café Cultural Airiños (A cuncheira), Café Século XX (Traslatio), Central Perk (Pasiño a pasiño), O Alpendre (A Quintana), O Secreto (A Cunca do Peregrino), O Secreto do Viño (Pan e viño axudan a facer o Camiño), Retro Visor (Rolling Stone) e Ruta Xacobea (HIC FUIT).

Votacións e premios

Para a votación do mellor petisco, os establecementos participantes proporcionaranlle aos clientes unha tarxeta-pasaporte que tamén lles permitirá entrar no sorteo de diversos

premios. Así, cando dita tarxeta-pasaporte estea selada por alomenos 3 dos 11 locais participantes, optarán ao sorteo dun vale de 100 euros para consumir no establecemento que resulte gañador nesta edición e en 3 vales de 50 euros cada un para consumir nalgún dos establecementos participantes.

Pola súa parte, cando a tarxeta-pasaporte estea selada por alomenos 6 dos 11 establecementos, os clientes entrarán no sorteo dunha das seguintes opcións a escoller: aloxamento dunha noite con almorzo para dúas persoas no hotel O Semáforo de Fisterra, con queimada e agasallo especial, ou unha experiencia turística a escoller entre diversas propostas existentes no sitio web www.planb.es.

Actividades complementarias

Co gallo da celebración das sétimas xornadas #SaboreaPadrón, e ao abeiro do convenio de colaboración asinado con Galiciaes+ tamén se programarán diversas actividades complementarias: o sábado 7 e o domingo 8 de outubro está programado o “Retiro na Pedronía: Primeiro Encontro da Galicia Consciente”, que consistirá nun “retiro activo a través da experimentación no destino co cometido de cada lugar para a alma”; o domingo 8 de outubro ás 17.30 horas realizarase unha visita guiada ao convento franciscano de Herbón, que incluirá a degustación dun petisco no local gañador do sexto #SaboreaPadrón (o custe desta actividade é de 4 €).

Por outra banda, o xoves 12 de outubro a partires das 9.00 horas está previsto un roteiro a pé da Pedronía, realizando o Camiño de Santiago desde Compostela ata Padrón, que inclúe traslado a Santiago, guía, un petisco no local gañador do ano pasado e a visita ao Pazo do Faramello (o custe desta actividade é de 53 €); e o sábado 14 de outubro, ás 17.00 horas celebrarase unha ruta etnobotánica en Herbón, totalmente gratuíta, para descubrir as diferentes especies de plantas sanadoras, coa súas propiedades curativas e beneficios para a saúde.

Para participar nas actividades de pago organizadas por Galiciaes+, las personas interesadas poden inscribirse e consultar os descontos dos Bonos Galiciaes+ a través do correo electrónico reservas@galiciaesmas.com e do teléfono 676 81 46 74.