Padrón acollerá a vindeira fin de semana a XII Feira Medieval con medio cento de actividades

O Concello de Padrón celebrará a vindeira fin de semana a décimo segunda edición da Feira Medieval, cunha completa programación de preto de medio cento de actividades entre as que figuran desde un mercado medieval ata exhibicións de cetreiría, cesteiría e moldeado de vidro, concertos e música itinerante, obradoiros de oficios artesanais e funcións de teatros con títeres.
Esta XII Feira Medieval, que o concello comezou a promocionar a comezos do pasado mes de xuño no certame turístico Festur celebrado en Silleda, iniciarase o venres 7 ás 18.00 horas coa apertura do mercado medieval e pecharase o domingo 9 pola noite. O concelleiro de Festexos, Ángel Rodríguez Conde, explica que entre os pratos fortes da programación atópase a celebración dunha Gran Cea Medieval o sábado 8 ás 22.00 horas. Aínda que inicialmente esta cea estaba prevista para o venres e así aparece nos
programas de man, por cuestións de loxística finalmente terá lugar o sábado. Para asistir á mesma deberase facer unha reserva chamando ao teléfono 666 148 177. O menú da cea, que terá un prezo de 22 euros, incluirá un entrante a escoller (langostinos, croquetas ou calamares), churrasco de porco con patacas e ensalada, e vasiño de xeado de postre.
Por outra banda, a maiores das actividades que figuran no programa, o domingo tamén se celebrará entre as 12.00 e as 20.00 horas un torneo de loita medieval na Praza Macías.
Entre as novidades desta décimo segunda edición, Ángel Rodríguez Conde tamén sinala a instalación dun posto na Praza Rodríguez Cobián que emulará ao antigo Hospital de Peregrinos que había no século XV. Ao respecto, indica que todos os peregrinos que documenten coa credencial correspondente o paso pola vila de Padrón recibirán nese posto tiques-degustación gratuítos válidos para os postos de comida. “É unha iniciativa coa que pretendemos potenciar os vínculos de Padrón coas peregrinacións xacobeas, lembrando aos peregrinos que na Idade Media se achegaban ata estas terras tras visitar en Compostela a tumba do Apóstolo para ver o lugar ao que chegaran os seus restos”, explica o concelleiro.