Padrón activa o seu operativo turístico especial da Pascua ante a chegada de milleiros de visitantes

Padrón activa o seu operativo turístico especial da Pascua ante a chegada de milleiros de visitantes

  • A vila permanece ateigada de xente dende onte e prepárase para ir aumentando a afluencia ata as 50.000 persoas do domingo
  • A Carreira Popular, a feira agrícola, os concursos morfolóxicos, o pregón de Lidia Angueira, os días de Santiago e Rianxo e os espectáculos de Pili Pampín e Manquiña protagonizan o programa

13 de abril de 2017.- O Concello de Padrón prepárase para vivir as datas principais das Festas da Pascua 2017 e vén de activar o seu operativo turístico especial ante a chegada de milleiros de visitantes, que ateigan a vila dende o onte mércores, e a presenza de moitos padroneses.

Deste xeito, o Concello acaba de poñer en marcha o seu plan transversal de actuación cidadá, que inclúe medidas turísticas, promocionais, de tráfico e mobilidade e de seguridade, co obxectivo de que as celebracións discorran coa maior normalidade e sen que se rexistren incidencias. Decenas de efectivos e persoal especializado de cada departamento están a pleno rendemento dende onte “para que todo o mundo poida gozar da Pascua e das moitas cousas que ten que ofrecer Padrón coa maior tranquilidade e as mellores atencións”, explicou o alcalde, Antonio Fernández Angueira.

As previsións do Concello de Padrón, que están a ser superadas dende as vésperas das datas festivas da Semana Santa, apuntan a que afluencia irá aumentando paulatinamente ata acadar unhas 50.000 persoas na xornada do Domingo de Pascua. Ademais, a afluencia do Sábado, Luns e Martes de Pascua –estes dous son festivos locais– roldará as 25.000 persoas.

Nembargantes, a boa climatoloxía e o ambiente que se está a rexistrar en Padrón durante toda a semana poden deixar curtas as estimacións. “Xa hai moitísima xente en Padrón, atraídos pola sona da nosa Pascua e do amplo recinto feiral que temos habilitado con máis de 400 postos”, revelou o rexedor.

Reforzo do programa na tarde do domingo

A programación festiva das catro xornadas centrais da Pascua 2017, do sábado 15 ao martes 18, inclúe, como principais actividades, a 38ª Gran Carreira Popular, a 48ª Feira Exposición de Maquinaria Agrícola e Industrial, a

 

 

lectura do pregón a cargo da empresaria Lidia Angueira Viturro, xerente de Pulpería Rial, a celebración dos concursos morfolóxicos de cabalos en nove modalidades e espectáculos de doma e volteo, o concerto de Pili Pampín, o monólogo de Manuel Manquiña ou as tradicionais recepcións oficiais aos Concellos de Santiago, que será o luns, e Rianxo, xa o martes, coas actuacións das bandas de música.

En total, o Concello de Padrón ten programadas un total de 41 actividades entre o Sábado e o Martes de Pascua e, como principal novidade, optouse por reforzar as iniciativas da tarde do domingo para espaciar a gran xornada festiva, achegar o programa a todo o público e outorgar máis variedade. Así, haberá concursos cabalares, animación con música de charanga, exhibicións caninas de agility, detección de substancias e mantrailing e o concerto de Pili Pampín e as orquestras Panamá e Tango.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *