Padrón, Ames e Brión converten os escenarios vitais de Rosalía de Castro nunha atractiva ruta turística

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e os seus homólogos de Ames, José Miñones, e Brión, José Luis García, presentaron hoxe en Madrid na Feira Internacional de Turismo (Fitur) unha nova ruta turística denominada “As pegadas de Rosalía” que invita aos visitantes a coñecer diferentes escenarios vitais da poetisa. No acto de presentación tamén interviron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Este itinerario cultural, configurado a partir dunha ruta orixinal ideada polo intelectual dodrense Avelino Avuín de Tembra, está concebido para que os turistas poidan percorrelo a pé, en bicicleta ou en autobús achegándose a unha decea de lugares: a Praza de Vigo, o Pazo da Hermida e o Panteón de Galegos Ilustres (en Santiago de Compostela), a casa onde naceu o pai de Rosalía en San Xoán de Ortoño (Ames); as beiras do río Sar (Ames e Brión); a igrexa de Bastavales (Brión); e a Casa da Matanza, a Colexiata de Iria Flavia, o Pazo de Arretén, o Paseo do Espolón e a casa onde se criou Rosalía na rúa de Xoán Rodríguez (Padrón).

Na súa intervención, o alcalde padronés explicou que para a posta en valor desta ruta os concellos involucrados “non tivemos que inventar nada, senón que nos limitamos a pór en valor unha parte fundamental da nosa historia recente e aqueles lugares que formaron parte do escenario vital de Rosalía de Castro”. Ademais, amosouse convencido do interese que espertará esta nova ruta porque “Rosalía, como muller poliédrica que era, continúa a ser un referente na sociedade actual pola súa herdanza literaria, intelectual, humanística, feminista, identitaria e galeguista”.

Pola súa parte, a concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, explicou ao remate da presentación que para a divulgación desta ruta elaboráronse folletos específicos multilingües (galego, castelán e inglés) e habilitouse un apartado específico nas páxinas web dos tres concellos para poder realizar unha visita virtual aos puntos que conforman a ruta. Ademais, os técnicos de Turismo de Padrón tamén iniciaron contactos con diferentes turoperadores para dar a coñecer este novo produto turístico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *