Padrón define un plan ata 2022 para "reforzar o turismo como eixo estratéxico da economía local"

O Concello de Padrón vén de finalizar a elaboración do Plan de Acción de Turismo 2017/2022, que recolle as estratexias xerais e as liñas de traballo concretas a seguir para “reforzar o sector do turismo como un eixo estratéxico da economía local”. Así o comunicou hoxe a concelleira de Turismo, Lorena Couso, que salientou que “moi poucos concellos de características poboacionais semellantes a Padrón dispoñen dunha folla de ruta tan traballada e minuciosa para avanzar na planificación turística a medio prazo”.
Lorena Couso destaca que o proceso de elaboración do plan caracterizouse por ser “moi participativo”, xa que incorpora tanto as opinións e valoracións dos visitantes, como dos axentes locais do sector e tamén de expertos foráneos en materia de turismo. Así, o traballo de campo comezou coa realización dun “Estudo do perfil do turista”, que, a través de 319 enquisas a visitantes e excursionistas, permitiu establecer os perfís dominantes en función do seu comportamento e presenza. Esta visión complementouse con dúas mesas de traballo: nunha delas recolleuse tanto a diagnose como as propostas dos axentes locais e comarcais do sector e noutra recibíronse as valoracións e suxestións de expertos no sector turístico, xestores doutros destinos, axencias comercializadoras, representantes de diferentes administracións públicas e especialistas universitarios, entre outros perfís.
Froito deste traballo tanto cuantitativo como cualitativo, o Plan de Acción de Turismo 2017/2022 establece obxectivos en catro grandes áreas de traballo:
1.- Mellora dos recursos, servizos e equipamentos: aconséllase mellorar a sinalización dos recursos turísticos, suxírese a posta en marcha dun servizo de alugueiro de bicicletas e recoméndase establecer puntos informativos de atención ao peregrino e trasladar e mellorar a Oficina de Turismo.
2.- Cooperación público-privada e entre organismos públicos: avógase pola constitución da Mesa de Turismo de Padrón e dun Foro de Turismo de Padrón e da súa contorna e recoméndase implementar un plan de calidade e formación específico para os establecementos e os profesionais vinculados ao sector turístico.
3.- Creación e potenciación de produtos turísticos: proponse reforzar como reclamo turístico tanto a tradición xacobea e o Camiño de Santiago como os produtos de turismo gastronómico e crear produtos específicos de turismo literario e dunha ruta local da lamprea.
4.- Comunicación, promoción e comercialización: recoméndase elaborar e desenvolver plans e accións específicas de marketing on line, de sensibilización, de promoción e de comercialización dos produtos turísticos locais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *