Padrón edita material turístico de Macías o Namorado

‘Un trovador, dos villas, tres historias de amor y un trágico desenlace’

A Concellería de Turismo de Padrón acaba de editar e publicar un novo material turístico sobre a figura do trobador padronés Macías o Namorado. O material foi editado en colaboración co Concello de Arjonilla (Jaén), lugar onde está soterrado o poeta medieval. Os folletos contan as 3 historias que existen ao arredor desta figura, todas elas situadas en terras andaluzas e co tema común dun amor truncado.

Macías naceu en 1340 na aldea de Sande, o seu nome completo era Matías Cascallar e Guisande. A súa obra literaria compóñena uns poemas en galego e en castelán con galeguismos que se recollen no Cancioneiro de Baena e no Cancioneiro de Palacio.
Unha das historias que xiran ao arredor da súa vida é que sendo escudeiro do mestre de Calatrava, D. Enrique de Aragón, namorouse dunha bela doncela de clase alta que se atopaba ao servizo deste. A moza casou cun fidalgo de avoengo, pero seguiu mantendo relacións co poeta. O seu marido encerrou a Macías na torre de Arjonilla (Jaén) e, ofendido, o marqués arreboloulle unha lanza a través dunha reixa, dándolle morte. Sexa como for, o certo é que Macías recibiu sepultura na igrexa de Santa Catalina de Arjonilla, a cal podemos visitala hoxe en día.

O Concello de Padrón pretende dar a coñecer a vida e historia deste persoeiro de grande importancia na vila. O material poderase atopar tanto na Oficina de Turismo de Padrón coma de Arjonilla. Ambos concellos esperan seguir traballando de forma conxunta en vindeiros proxectos para por en valor a figura do poeta que os une.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *