Padrón ultima a presentación da aplicación web da Pedronía e avanza novas datas para as próximas saídas

A Concellaría de Turismo de Padrón presenta este venres día 18 de outubro ás 20.30h na igrexa parroquial de Padrón a aplicación web do camiño da Pedronía baseada no seu patrimonio inmaterial e nas experiencias sensoriais no marco dun turismo consciente que esta ruta histórica aporta ao camiñante. Este proxecto, coordinado pola empresa Latexos de Turismo, denomínase “Creando consciencia na Pedronía” e desenvólvese ao abeiro das axudas do programa “O teu Xacobeo”, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

 

A innegable tradición xacobea da igrexa de Santiago de Padrón xustifica a escolla do templo como lugar de presentación deste proxecto. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira e a Concelleira de Turismo, Lorena Couso Dopazo presidirán este acto, ao que tamén está convidada a poboación local padronesa e dos demais concellos do camiño da Pedronía.

 

As saídas da Pedronía terán continuidade no ano 2020.

Á posta en marcha das aplicación web do camiño da Pedronía, dispoñible en tres idiomas, séguenlle as primeiras saídas a pé desde Compostela ata Padrón. A primeira saída, que tivo lugar o pasado sábado 12 de outubro, contou coa participación da veciñanza de Padrón e contorna e gozou de boa acollida. As persoas participantes percorreron os 25 quilómetros que unen Compostela e Padrón conectando coas emocións do camiño. Xa en Padrón, e tras visitar os lugares xacobeos, a Concelleira Lorena Couso fixo a entrega do diploma da Pedronia a todos os membros do grupo.

 

Xa se coñecen as datas xa confirmadas das próximas saídas da Pedronía: os días 19 de outubro e 7 de decembro do presente ano e os días 21 de marzo e 4 de abril de 2020. O prezo é de 9 euros por persoa e inclúe guía acompañante durante o percorrido, seguro e acreditación. A inscrición xa se pode realizar na oficina de turismo de Padrón. A axencia Viajes Alma Gaia con XG-535 baixo a marca comercial Galicia Es Más, será a encargada de introducir no mercado, posicionar e comercializar outras experiencias neste camiño da Pedronía.