Festa do Pemento de Herbón

Festa gastronómica por excelencia celebrada na parroquia padronesa de Herbón o primeiro sábado de agosto. Posúe a denominación de Festa de Interese Turístico de Galicia e leva celebrándose dende 1978.

Son milleiros as persoas que se achegan a Padrón nesta data sinalada no calendario festivo de Terras de Iria para gozar deste manxar padronés e poder correr o risco de comprobar o vello dito de que “Os pementos de Herbón, uns pican e outros non”.

Durante esta celebración multitudinaria, ademais de poder degustar de forma totalmente gratuíta estes ricos manxares, tamén se pode participar do seguinte programa de actividades:

– Ás 10.30 horas comezan os actos cunha misa campestre que  unha hora máis tarde lle da paso á bendición e inauguración da Festa do Pemento de Herbón.

– As 12.30 horas ten lugar a recepción de autoridades na casa consistorial e o desfile agrícola motorizado ata Padrón.

– As 13.30 horas realízase a lectura do pregón por unha personalidade destacada.

– Nomeamento dos Cabaleiros e Damas, a entrega dos Pementos de Prata e dos premios Xove Pementeiro e Sabio Pementeiro. Así mesmo, ten lugar o nomeamento do Presidente de honra da Orde do Pemento.

– Ás 14.30 horas realízase a entrega de premios aos tractores mellor engalanados.

-Degustación gratuíta dos afamados pementos de Herbón.

-Actuacións musicais e verbena nocturna.