Festa patronal Santo Isidro Labrador

O Santo Isidro Labrador, que se celebra cada 15 de maio, é o patrón do Concello de Rois e, polo tanto, é a festividade máis esperada de todo o ano pola veciñanza. O programa de actividades supón unha variedade de oferta cultural, gastronómica, lúdica, musical e deportiva, co fin de cubrir as inquedanzas da poboación roisense e dos arredores.

Deste modo, o programa de festas soe abarcar a semana completa da festividade, para así poder realizar o conxunto de actividades programadas:

  • O premio ciclista Santo Isidro “Suso Blanco Villar” que organiza o Club Ciclista Padronés, para fomentar este deporte con tanta tradición na comarca.
  • O percorrido de caza con prato a cargo da Sociedade Deportiva de Cazadores de Rois.
  •  As actividades ecuestres tamén teñen cabida no programa, como a ruta cabalar, o paseo en cabalo para nenos e nenas, a xincana cabalar e a competición de cabalos de arrastre.
  • Os actos protocolarios,  que abranguen: o pregón a cargo dun persoeiro relacionado coa nosa terra, as homenaxes “Toda unha vida” (á persoa de máis idade do concello) e “Santo Isidro Labrador” (á unha persoa ou empresa do municipio relacionada co mundo do agro) e a entrega de premios do Certame artístico e literario de relato breve e poesía.
  • O xantar popular como lugar de encontro da veciñanza.
  • A música, elemento encargado de abrir a festa a través do pasarrúas dos gaiteiros, ou as orquestras ou charangas que moitas veces nos acompañan nesta xornada festiva.
  • As exposicións arredor do noso patrimonio, organizadas pola Asociación de amas de casa de Rois, así como a exposición do autor homenaxado nas Letras Galegas, dada a proximidade das datas.