Mercado dominical

Unhas das actividades que caracterizan a actividade económica do municipio de Padrón dende tempos pasados son as feiras e mercados. De feito, dende os nosos antepasados son coñecidos tanto pola variedade de oferta e da súa riqueza coma pola grande afluencia de visitantes que, domingo tras domingo, se achegan ás terras rosalianas.

As feiras de gando foron descritas en 1609 polo cardeal de Compostela Xerónimo del Hoyo. Daquela eran xa unhas das máis importantes de Galicia e celebrábanse no  Campo Grande e nun souto de castiñeiros. Segundo relata o cardeal chegaban a elas “todo xénero de mercadorías, de gandos, que ían comprar mercadores casteláns e portugueses, para provisión das súas terras”. Deste xeito transcorrían  varias ao ano, “a primeira é por Pascua de Flores e dura tres días; a segunda, por Ledanía e dura outros tres; a terceira, por San Xoán e dura dos; a cuarta, pola Nosa Señora de setembro e dura tres días; e a última, por Todos os Santos e dura dous. As mellores son as de Pascua, Ledanías e setembro”.

Os textos do Cardeal proporciónannos ademais unha descrición de como era o mercado daquela: “É moi abastecido de todo xénero de mantementos e hai ao redor moitas herdades onde se collen moito trigo, centeo e millo, e granxas onde hai moi bos froitos, hortas e viño razoable. Hai moi boas carnes e baratas e moitas variedades de peixes de mar traen río arriba. No porto que se chama Ulla péscanse moitas lampreas, salmóns, sábalos, reos, angulas e troitas, todo moi bo” (Xosé Filgueira Valverde, Pascua 1995).

Co paso do tempo, o domingo converteuse no día por excelencia do mercado. Así, a xornada dominical de Padrón estase transformando nun dos grandes mercados galegos realizados semanalmente. Nos máis de 600 postos dispostos nunha extensión aproximada de 22.500 metros cadrados, pódense atopar ricas hortalizas e froitas,  saborosos pescados e mariscos, exquisitas carnes, plantas, roupa, complementos, unha ampla variedade de utensilios… todo o que unha persoa poida precisar para o seu fogar seguro que o vai poder atopar no mercado dos domingos de Padrón. A xornada dominical por excelencia caracterízase polo hábito de saborear o tradicional polbo  á feira. Por isto, despois dun paseo agradable, non hai mellor forma de lles dar un descanso ás compras que repoñendo forzas degustando outro dos máis exquisitos produtos que se pode atopar nas nosas rías.