Personaxes Ilustres

Terras de Iria foi dende hai séculos un berce literario xa que aquí naceron escritores do talle de Macías o Namorado, Rosalía de Castro, Manuel Barros, Nicasio Pajares ou Camilo José Cela. Todos eles, ao longo da súa vida e na súa obra, amosaron o seu orgullo de pertenza a unha terra.

A continuación relátase unha pequena descrición da vida e da obra dos principais escritores:


Macías o Namorado

Macías O Namorado

Trobador medieval nado en Padrón, na aldea de Sande, en 1340, tal e como nos conta Juan Rodríguez, veciño de Padrón. O seu nome era Matías Cascallar e Guisande.

A súa obra literaria compóñena uns poemas en galego e en castelán con galeguismos que se recollen no Cancioneiro de Baena e no Cancioneiro de Palacio. Aínda que a súa vida foi unha verdadeira novela. Cóntase que sendo escudeiro do mestre de Calatrava, D. Enrique de Aragón, namorouse dunha doncela de clase alta que se atopaba ao servizo deste. A moza casou cun fidalgo de avoengo, pero seguiu mantendo relacións co poeta. O seu marido encerrou a Macías na torre de Arjonilla (Jaén) e, ofendido, o marqués arreboloulle unha lanza a través dunha reixa, dándolle morte. Sexa como for, o certo é que Macías recibiu sepultura na igrexa de Santa Catalina de Arjonilla.


RosalíadeCastro

Rosalía de Castro

Rosalía de Castro naceu en 1837 en Santiago de Compostela como filla de pais incógnitos, en realidade filla da fidalga María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía e do sacerdote José Martínez Viojo.

As súas obras fundamentais son os libros de poemas en galego Cantares Gallegos (1863), revulsivo da dormida cultura galega, e Follas Novas (1880);  e a obra en castelán  En las orillas del Sar (1884). Rosalía recibiu o influxo do Romanticismo (Espronceda, Bécquer…) e admirou a Fernán Caballero como muller-escritora.

En 1858 casou co escritor Manuel M. Murguía co que tivo sete fillos, que faleceron sen descendencia. En 1885 finou na súa casa da Matanza, en Iria, e foi enterrada no cemiterio de Adina. En 1981 os seus restos foron trasladados á igrexa de Santo Domingo de Bonaval, ao Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela.

En 1947 créase o Padroado Rosalía de Castro para recuperar a Casa da Matanza, en Padrón, e convertela, en 1971, nun museo dedicado á súa memoria. A casa, onde residiu ata a súa morte en 1885, conserva practicamente inalterada a súa estrutura orixinal. Pódense contemplar no museo fotos da poetisa, dos seus familiares e amigos, recordos persoais, escritos e multitude de obxectos cotiáns da Galicia do século XIX.

O Centro de Estudos Rosalianos, a Aula Pedagóxica e o Auditorio están en edificios adxacentes.


Camilo José Cela

Camilo José Cela

Camilo José Cela Trulock (1916-2002) naceu en Iria Flavia o 11 de maio. Pasou a súa infancia en Galicia ata que no ano 1925 se traslada coa súa familia a Madrid, onde en 1936 publica algúns dos seus primeiros poemas. A súa primeira novela, La Familia de Pascual Duarteveu a luz no 1945.

En 1956 funda a revista Papeles de Son Armadans, sendo un referente cultural da España dos anos  50 e60.  Xa no 1957 ingresa na Real Academia Española.

Autor de obras como La Familia de Pascual Duarte, Nuevas Andanzas y Desventuras del Lazarillo de Tormes, Viaje a la Alcarria ou La Colmena, gaña o Premio Nobel de Literatura en 1989, o Príncipe de Asturias (1987), o Cervantes (1995)  e en 1996 recibe o Marquesado de Iria Flavia pola S.M. o  rei D. Xoán Carlos.

En 1991 inaugura na vila padronesa a súa Fundación, un desexo que tiña desde había anos.

A Fundación ten a súa sede en Iria Flavia, fronte á antiga colexiata de Santa María a Maior de Iria Flavia, nunhas casas construídas para residencia de canónicos no S. XVIII.

Dispón dunha superficie total de 11.000 metros cadrados, alberga unha biblioteca de máis de 45.000 volumes, unha pinacoteca con máis de 700 pinturas orixinais, un paraninfo de 178 prazas, aulas e salas de exposicións, ademais dunha ampla superficie axardinada. O Museo Ferrocarrileiro John Trulock forma parte do conxunto e amosa a historia do ferrocarril galego.

Merece ser mencionada unha completa colección de manuscritos que reúne a práctica totalidade da súa obra.

A biblioteca componse de 45.000 volumes, incluídas todas as edicións e traducións da obra de Camilo José Cela. A hemeroteca comprende 1.200 títulos de revistas e periódicos cun total de 45.900 exemplares, entre os que se inclúe o arquivo completo da revista Son Armadans. O epistolario, pola súa parte, está integrado por máis de 90.000 cartas. A pinacoteca fórmana obras dos primeiros nomes da arte contemporánea (Picasso, Miró, Mosquera, Ulbricht, Zabaleta, Úrculo…) e diversos debuxos realizados por Lorca, Alberti ou o propio Cela.

Centos de títulos, condecoracións e premios, así como coleccións e obxectos que Camilo José Cela foi reunindo ao longo de súa vida e que, pola súa riqueza e variedade, suscitan o interése todo tipo de visitantes.

Ademáis, é preciso sumar os legados de José M.ª Sánchez Silva, José García Nieto, M.ª del Carmen Pajares Escolano e Fernando Huarte, así como manuscritos doutros autores.

Camilo José Cela faleceu en Madrid o 17 de xaneiro de 2002 e foi trasladado ao cemiterio de Adina, segundo o seu expreso desexo.


Eusebio Lorenzo

Eusebio Lorenzo Baleirón

Eusebio Lorenzo Baleirón nace o 25 de xaneiro de 1962 en Tarrío (Dodro) no seo dunha familia humilde. Fillo de Nieves e de Angel; cando aínda non cumprira os tres anos, falece o seu pai. Estudou a primaria na escola de Chenlo.

Desde 1976 a 1980 cursa os estudos de bacharelato no instituto de Padrón, e aquí onde podemos situar os inicios poéticos de Eusebio cando descobre verdadeiramente a poesía da man do seu profesor Bernardino Graña; nesta etapa comeza a escribir as súas primeiras narracións e poemas, e gaña varios concursos literarios.

En 1980 comeza Filoloxía Galega en Compostela. Alí toma contacto cunha serie de compañeiros que comparten con el un mesmo universo cultural e literario: Paulino Vázquez, David Pérez Iglesias e Manuel Forcadela xunto con Román Raña ou Chema Bouzón … Xuntos van a conformar a Xeración Poética dos oitenta. Como consecuencia destes contactos, vai xurdindo a súa obra poética.

Tamén en Compostela aparecen as súas primeiras publicacións na revista Grial, os estudos e as publicacións científicas versan sobre a poesía de Aquilino Iglesia Alvariño, Luis Pimentel, Álvaro Cunqueiro, sobre o portugués Nuno Júdice,… e colaborou na elaboración do Atlas Lingüístico Galego do Instituto da Lingua Galega, entre outros traballos. En 1982 publica na revista Dorna os primeiros poemas.

Desde o 1982 ó 1986 queda sempre finalista do premio Esquío, o primeiro ano con Herdanza da néboa.

En 1983 participou no disco en formato LP Rosalía na voz dos poetas xunto a Ramiro Fonte, Avilés de Taramancos…e neste mesmo ano gañou: o concurso nacional “O Facho” na Coruña cun poema dedicado a Cunqueiro. Durante este ano 1983 e ata a súa morte en 1986 participa en recitais de poesía en diferentes cidades e vilas galegas.

No ano 1984 vai de bolseiro a Lisboa; alí coñece ó poeta Antonio Ramos Rosa, sobre quen valora a posibilidade de elaborar a súa tese. En setembro deste ano casa con Asunción Sóñora, terán unha filla chamada Flavia. Neste ano 1984 fica de primeiro no premio”Celso Emilio Ferreiro” con Os ollos no camiño e de segundo no “premio de poesía do Concello de Vigo”

Con 23 anos publica : O corpo e as sombras, Os días olvidados e o libro de estampas en prosa poética, O libro das viaxes e dos soños que foi lida en centros escolares.

En 1985 licénciase en Filoloxía Galego- Portuguesa e empeza a traballar en Carballiño de profesor. Aquela estancia fixo que hoxe O Carballiño conte cunha rúa que leva o seu nome

En 1986 decláraselle unha doenza incurable aínda asi, gaña a praza de lingua e literatura galega de instituto e incorpórase ó instituto de Boiro como profesor pero non pode exercer a docencia.

Morre en Laíño na madrugada do 14 de decembro de 1986.

No 1988 publícase A morte presentida, xa a título póstumo, dous anos despois da súa morte. Este poemario comezouno a escribir na última viaxe á Lisboa.

Cando se cumpriron dez anos da súa morte sae Gramática do silencio. Obra poética (Espiral Maior, 1996), un volume no que se recollen, ademais da obra publicada, todos os seus poemas inéditos, con debuxos de Ramos Rosa- a compilación definitiva como poeta. baixo a dirección literaria de Miguel Anxo Fernán Vello e co prólogo de Paulino Vázquez, e preséntase no actual CPI, bautizado co seu nome en 2002.

En Antología Poética (Espiral Maior 2000) é unha selección da súa obra en versión bilingüe galego-español

Desde o ano 1988, o Concello de Dodro vén convocando anualmente un premio de poesía co obxectivo de “honrar á memoria do poeta Eusebio Lorenzo Baleirón natural deste municipio e prematuramente desaparecido e para contribuír á reafirmación da lírica galega tan importante na historia cultural de Galicia”. Este premio e un dos acontecementos culturais de máis pegada popular dos que se celebran en Galicia

OBRA DE EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN

 

POESÍA

-(1985): O corpo e as sombras, Dodro, Edición do autor

-(1985): Os días olvidados, A Coruña, Algalia Edicións

-(1988): A morte presentida, Santiago de Compostela, Sotelo Blanco
-(1996): Gramática do silencio. Obra poética, A Coruña, Espiral Maior

 

NARRATIVA

-(1986): Libro das viaxes e dos soños, Santiago de Compostela, Vía Láctea

 

ENSAIO

– (1985): ”Tradición e modernidade na obra poética de Iglesia Alvariño”en Grial, nº 88

– (1985): “A poesía de Nuno Judice. Notas para unha visión da poesía portuguesa actual” en Grial, nº 90

– (1986): “Para un estudo estilístico de Herba aquí e acolá. A comparación” en Grial, nº 94

 

ANTOLOXÍAS

RODRIGUEZ, L. (2002): 25 anos de poesía galega 1975-2000, Voz de Galicia, A Coruña

MORÁN, C. (1999): Río de son e vento, Vigo, Xerais

 

SOBRE EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN

 

REVISTAS MONÓGRAFICAS EN HOMENAXE Á EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN

AA. VV. (1987): “Na memoria de Eusebio Lorenzo”, en Dorna, nº17

AA.VV. (2003): “Número especial en homenaxe á memoria do poeta de Laíño” en O Paspallás

 

ARTIGOS

SENÍN, M. X. (1998): ”Eusebio Lorenzo in memoriam: Dez anos da publicación de A morte presentida” en Leliadoura

Pedreira, P. (2001): “Sempre en/con Eusebio”.

C.B.(2004): “La voz lírica y jovial de Laiño” El Correo Gallego, 7 novembro

Abuín de Tembra, A (2007). “Sobre Eusebio Lorenzo Baleirón”. Galicia Hoxe. 16 decembro

 

Libros

AAVV. (2001): Literatura Galega, século XX, Vigo, A Nosa Terra

Enciclopedia Galega Universal (2002), T.11, Vigo, Ir Indo

  

juan rodriguez

Juan Rodríguez de la Cámara

Poeta e novelista padronés de literatura castelá. Nace en Padrón a finais do século XIV, en 1390. Vinculado á Corte do rei Juan II de Castela, desempeñou cargos eclesiásticos en Santiago e Tui antes de ingresar na Orde de San Francisco. Os seus derradeiros anos transcorreron no convento de San Francisco de Herbón. A el atribúeselle a achega dunha das palmeiras plantadas no claustro, traída desde Palestina e arrasada por un temporal.

É considerado un dos últimos trobadores da escola galega, aínda que a súa obra foi escrita en castelán. Na súa obra principal, Siervo Libre de Amor, relata a historia de amor de dous amantes, o que constitúe un preludio da novela sentimental e amatoria. Tamén é da súa autoría o Bursario, versión castelá das Heroidas de Ovidio.


(sin imagen)

Luís Aguirre del Río

Naceu en Lestrobe en 1839 ,escritor galego en lingua castelan vinculado directamente ao Rexurdimento. É o único discípulo que tivo Espronceda en Galicia. A súa obra; un diccionario de gallego-castelan, O Diccionario del dialecto gallego consta dunhas 8.000 palabras e adiántase nuns anos ó que ata agora se consideraba o primeiro dicionario galego, o publicado por Francisco Javier Rodríguez no1863 con case 3.000 entradas. Morreu no 1866, aos 26 anos de idade, sen ver publicado o seu dicionario, é no 2007 cando foi publicado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), de Madrid, e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.

Realmente, nunca foi recoñecido nin estudado en Galicia. No ano 2007 publicouse Luís Aguirre. Poesía completa, unha edición crítica de toda a súa obra poética coñecida, da mán de Avelino Abuín de Tembra e Justo Cortizo Sóñora.

Manuel barros

Manuel Barros

Padronés nado o 1 de febreiro de 1844. Tras realizar os seus estudos no Instituto de Santiago de Bacharelato, en 1862 emigrou a Cuba, onde foi dependente de escritorio ou caixeiro de casas comerciais.

Publicou os seus primeiros artigos periodísticos en La Voz de Cuba. En 1871 decidiu regresar a Galicia pero xa en 1872 saíu de novo da súa terra rumbo a Buenos Aires, onde colaborou en El Correo Español.

En 1875 publicou o seu único libro Ocios de un peregrino, que recolle as impresións da súa anterior viaxe a Galicia. En 1879 creou o primeiro Centro Galego de Buenos Aires, do que foi presidente. Colaborou en diversos periódicos, como La Nación Española, do que máis tarde ostentou o cargo de director. Casou o 6 de marzo de 1884 con Paula Florido y Toledo e o 26 do mesmo mes partiu rumbo á súa patria. Tras unha estancia na súa terra natal, percorreu España coa súa esposa, pero ao chegar a Sevilla morre repentinamente o 5 de xaneiro de 1885.


Nicasio Pajares

Nicasio Pajares

Naceu o 15 de decembro de 1881 en Padrón. Aos 14 anos emigra a Montevideo, onde vive o teu tío. Máis tarde regresa a Padrón e aquí comeza os seus estudos de contabilidade que remata despois en Madrid.

Logo decide volver a emigrar, esta vez a Arxentina, onde funda con algún amigos El Despertar Hispánico. É en Buenos Aires onde se dedica por enteiro á literatura e ao xornalismo. En 1923 publica a súa primeira novela, El conquistador de los trópicos, que inaugura o subxénero de «novelas de dictadores». A esta séguena El pensador de la selva, Atorrántida, Don Quijote y el tío Sam ou Como pervirtieron a Palleiros. Morre o 26 de abril de 1956 e é soterrado no madrileño cemiterio de La Almudena.