Agradecementos


Como ben di o sabio refraneiro popular “De ben nacidos é ser agradecidos”, mais non só por lle facer caso unha vez máis ás bondades e sabedoría da tradición, se non porque así nos sentimos o colectivo de quen integramos A Regionalista (A.R.G.).

Por este motivo, e antes de nada, queremos deixar constancia e agradecer o grande interese amosado desde un primeiro momento por parte do Exclmo. Concello de Rois, e máis en concreto polo seu rexedor Ramón Tojo Lens, alcalde que soubo ver neste proxecto unha oportunidade diferente de homenaxear e recoñercer publicamente o labor dos veciñas e veciños, dando a coñecer a riqueza cultural inmaterial do municipio.

Dende o primeiro, todos os departamentos, e en especial o de Cultura, guiado por Victoria Quiroga Ramallo -concelleira de cultura, educación, deportes e mocidade- e que contando co traballo fundamental de Anayansi Singh, arrouparon con ilusión a iniciativa pondo ao noso dispor todo tipo de axuda e material do que dispuñan.

Alén disto, a publicación é obra das xentes de Rois, das moitas mans e corazóns sen os que non sería posible que vise a luz. Neste sentido queremos facer mención especial a aqueles que se implicaron connosco desinteresadamente e que tamén viven inmersos nas tradicións: Martín Agrasar (O.C.T. Chorima), Ricardo Tobío (Alboroque), Uxía Pérez (Pandeireteiras de Rois), Chus Castro (A Serna), Juan Ordóñez (gaiteiro de Rois), María del Carmen García ‘Carmiña’ (Plantel da extensión Agraria), Vanessa Verduga Queijo (grupo Leña verde).

A toda aquela xente que, sen ser de Rois formou parte deste traballo, e aos que lles queremos agradecer o tempo e material achegado.

En primeiro lugar mencionar a Julia M. Pozo Méndez -muller de José Mª. Cebeiro- e a Manuel Cebeiro Fernández -irmán-, pois xunto a eles viaxamos incansablemente na década dos 90 por moitas aldeas e paraxes do concello de Rois na procura do folclore de raíz.

Ao que no seu día foi mestre de baile Fernando Martínez Cruz; a Luis Sanmarco Janeiro, compañeiro de fatigas musicais que fixo de ponte cos moitos músicos de Rois; ás mestras de pandeireta Cristina García Cancela e Merchi Rodríguez Vázquez -integrante de Leilía- quen deixaron unha pegada imborrable no concello; a Jéssica Beiroa, compañeira e amiga pandeireteira (responsable de actividades de ocio no Concello); Montse Rivera -Leilía-, mestra de tradición e corazón, pola estimada colaboración; a Beni Iglesias (Creade) por darlle forma a este libro; a Fernando Campos Dono (técnico dos estudios Edisco), pola súa amizade e experiencia transmitida no tratamento dos arquivos sonoros (audios) e ao noso amigo informático Víctor Míguez Cortizo, pola súa paciencia e bo facer.

Todas estas persoas axudaron a dar sentido a este fermoso traballo facendo da música un motivo de ledicia imperecedoiro.

O noso maior agradecemento para todas e todos os transmisores e transmisoras, pois sen eles e elas non sería posible reconstruír unha pequena parte da historia musical de Rois. Con especial cariño para quen finaron sen ver concluído este proxecto que levamos a cabo co maior dos respectos.

Grazas a todas e a todos por facer desta publicación unha digna mención ás músicas de Rois e ás súas xentes, co fin de que non esmorezan no esquecemento do tempo ou coa morte de quen as viviu e lembra.

Asociación a Regionalista