Muiñeira e jota de Agrafoxo. Santa María de Urdilde


Nas terras altas do concello de Rois, máis concretamente na parroquia de Urdilde, foi onde atopamos máis vivas as manifestacións folclóricas do municipio, pois como lembra a xente destes lugares:

“Aínda non hai moito facíanse pola tardiña as regueifas nas eiras ao son da pandeireta das mozas e vellas do lugar. Para tal ocasión era chamada unha parella de bailadores que oficiaban de padriños do casamento. A muller bailaba muiñeira e jota co molete de pan branco na cabeza, sen caerlle, e ao rematar partíase a regueifa en anacos que se lles entregaban aos convidados”.

Esta e outras tradicións estaban moi vencelladas ao concello de Rois, manténdose activas ata ben entrada a década dos 60, o que permitiu unha relativa proximidade no tempo para levar a cabo o estudo e investigación no medio natural correspondente, feito que ao mesmo tempo xustifica a cantidade e a calidade da información obtida.

Nesta ocasión tivemos o pracer de visitar o lugar de Agrafoxo da man do señor Baldomero Calvo Figueiras, gran cantador, tocador e bailador onde os haxa, xunto coas pandeireteiras Manuela María e Ramona Nietos Esparís. Eles foron quen de recordar para nós as vivencias daqueles anos cando se facía foliada nas eiras, celebrar os casamentos na casa ou as saídas da misa o día do patrón. Grandes entusiastas da nosa tradición con quen pasamos tardes inesquecibles.

Cantando e tocando. Muiñeira e jota de Agrofoxo
Muiñeira e Jota de Agrafoxo

De entre os relatos recollidos, as regueifas permanecen vivas no recordo. Lembran como sendo uns cativos tomaban boa nota dos bailadores e tocadoras que as interpretaban:

“Aquelas festas parecía que non tiñan fin, onde se xuntaban os mozos do lugar con outros de afora para bailar e mosear. Con sorte probabas unha copiña de coñac ou anís cun anaquiño de pan branco. Había moita fame e necesidade, pero eramos todos moito máis unidos que aghora, o mundo cambiou moito en pouco tempo”.

De entre o repertorio dos transmisores escollemos muiñeira e jota por ser estas as que máis gozan á hora de ser interpretadas, sen tempo limitado podían botar case unha hora deseguido tocando con calquera destes ritmos ata cansar os bailadores. O que máis nos chama a atención é o ritmo pausado co que tanxen na pandeireta, tanto na jota coma na muiñeira, como di a señora María:

“Hai que tocar lixeiro, non pesado, acariñando a pandeireta”.

O feito de velos tocar ben semella que é dunha maneira moi doada, polo moito xeito que lle dan, mais ten todo o seu aquel. As nosas transmisoras son críticas co apurar as pezas como fan noutros lados, nos que se marca e golpea moito no coiro: “Hai que tocar para lle dar solás o baile”; defenden que esta é a maneira antiga de tocar as ribeiranas, pois xa era deste xeito no tempo de seus ‘padres’ e avós. Certo é que a maneira de percutir a pandeireta inflúe directamente na forma de expresar o baile, pois o ritmo pousado permite interpretar os puntos moito máis debuxados cos pés, a antollo e capacidade do bailarín dándolle abonda liberdade para improvisar de acordo cos tempos impostos polas pandeiretas.

A través de xente maior -transmisores-, que formaron parte de grupos de pandeireteiras, requintas, cuartetos ou gaiteiros, temos constatado que, polo xeral, a forma de interpretar ritmos como a jota e a muiñeira mudou bastante, pois antes eran de cadencia máis pousada mentres que na actualidade a tendencia é a apurar e acelerar as melodías. Existen moitas razóns para debater este fenómeno pero o que está claro é que o baile solto deixouse de interpretar dunha maneira intuitiva, salvo casos excepcionais.

O divertimento viña da man das duras condicións de vida na aldea. O traballo agrícola e gandeiro ocupaba dende ben pequenos a mozos e mozas que tiñan de axudar nas tarefas da casa, pois a man de obra, por calquera que fose, era imprescindible para saír adiante e dalgún xeito sobrevivir. As máis das nosas transmisoras lembran ter que deixar de ir á escola por atender e coidar o gando no monte, tan só con seis e sete aniños. A medida que ían medrando aumentaba o traballo: carrexar feixes de herba; levar o gran a moer ao muíño; lavar a roupa; sachar o millo; as patacas... Dende a mañá ata a noite ateigados de labores nas leiras e na casa. Máis aló do duras que fosen as condicións de vida das nosas protagonistas, as vivencias da mocidade foron tamén divertidas, pois tiñan tempo para o traballo e para ir aos bailes e facer as ‘xuntas’ nas que mocear:

“Os de aghora non sabedes adevertirvos... Unha muller cunha pandeireta fasía ela soa foliada completa”.

O feito de xuntárense para a foliada é algo que se procura recuperar na actualidade por diversas asociacións. Principalmente desde hai uns anos, e moitas veces coa axuda da convocatoria nas redes sociais, teñen lugar os ‘Seráns urbanos’ nos que unha parte da mocidade procura expresar “o solto”, normalmente en recintos fechados, de xeito semellante ao que acontecía antano en todos os lugares e aldeas do rural onde estas festas improvisadas eran das poucas diversións coas que contaban.