Foliada na Angueira. San Vicente de Aguasantas


De entre o repertorio constatado nas agrupacións musicais hai un ritmo por excelencia que conecta moi ben co público e responde ás melodías populares que gozan de letra, temas cantados acompañados principalmente pola gaita de fol que nos remiten a composicións identificativas da nosa terra tales como A Carolina, A virxe de Guadalupe ou Camariñas. Un sen fin de melodías que todos coñecemos.

Os temas tradicionais subsisten no tempo grazas á grande aceptación social da que gozan, moitos deles popularizados a través das canles radiofónicas que teñen un exemplo claro e representativo no ‘Pájaro pinto’ de Joselito, estendido por toda a Península e candidato a formar parte do repertorio de calquera corpo de música.

Destas composicións sempre fixeron bo uso os vellos gaiteiros, xa que as incorporaban como parte esencial no repertorio base do conxunto. Nos momentos en que a atención do público comezaba a ser dispersa, ou cando se estaba a piques de rematar a actuación, recorríase a estas pezas cantadas xerando entre os presentes unha suba de ánimo e alegría contaxiosa como a pólvora. Esta simbiose entre grupos musicais e xentes de a pé dá como resultado a farra, un clímax de perfecto festexo que fai que grupos de actualidade e consolidados no panorama musical galego sigan a utilizar o ‘popular’ no seu repertorio.

O ritmo máis empregado para estas melodías son os próximos ás jotas, máis ou menos valseados, o pateado... diferentes variantes coñecidas co nome de ‘fuliada’ ou foliada, palabra utilizada en moitos casos para interpretar con voz “temas de sempre”, como ben din os nosos transmisores. As pezas cantadas veñen ser outra das iconas representativas das formacións tradicionais -polo xeral cuartetos de gaita- coa peculiaridade de ser versionadas e adaptadas por cada quen ao seu gusto e á súa formación, de aí que practicamente atopemos tantas versións como intérpretes hai.

José Angueira e Arturo Martelo tocando a pandeireta
José Angueira e Arturo Martelo

O termo foliada fai referencia popularmente a calquera ritmo ou tocata para bailar o solto -muiñeira ou jota-, o que en moitos casos dá nome á reunión improvisada de carácter lúdico e social que representa a xuntanza da mocidade cunha única finalidade de pasalo ben. Na actualidade, e en calquera área do país, enténdese na fala coloquial do pobo “faser fuliada” por “faser festa”.

A tendencia de certos compositores a facer foliada creando e recreando pezas populares -con ritmos próximos á jota valseada- lévanos a finais do século XIX, tempos en que aparecen os primeiros ‘Coros Galegos’. Con todo, esta non foi a única influencia dos coros, senón tamén a presenza de polifonías nas voces que acompañan as gaitas de fol. A estrutura das composicións segue a mesma que a da jota, pero coa particularidade de poder ser cantada e ir acompañada pola gaita.

Na actualidade estamos a vivir un ‘renacer’ dos temas cantados, unha readaptación con moita calidade na que aparecen os orfeóns acompañados de instrumental e no que temos un exemplo destacado nesta tendencia en Treixadura, quen retoma a corrente dos cantos populares e os serve amosándoos con gran calidade e sentimento.

A farra popular tivo especial presenza nas terras de Rois, concretamente na parroquia de Aguasantas, lugar no que demos en petar á porta situada en fronte á igrexa na taberna do carteiro, o Sr. José Angueira Folgán. Grande entusiasta dos nosos costumes e apaixonado da música do país, nos anos mozos formou parte das pandeireteiras de Ermedelo, quen acudían animar as festas da redonda, destacando entre elas a do ‘Santiaguiño do Monte’ en Padrón, cita anual e fixa no calendario de actuacións. Este home de avanzada idade e fonte de sabedoría inesgotable aproveitou a profesión de máis de corenta anos de carteiro, que exerceu logo do conflito bélico español, para se converter nun perfecto transmisor de cultura e tradición, xa que coñece todo o concello coma a palma da man e o máis importante: a xente que nel habita. O gusto pola música en todos os anos de vida de don José fai del un guía único por estas terras. No recordo están os numerosos grupos que acudían ao Santiaguiño; as mozas que baixaban de Rois ao festexo ou os gaiteiros que poboaban estas terras.

Tocando a gaita e o tambor. Foliada na Taberna de Angueira
Foliada na Taberna de Angueira
Foliada na Angueira

O noso protagonista –o Sr. José– oficiou de parella á percusión do gaiteiro Arturo Martelo Lapido, unha vez que desaparece a Requinta dos Portelas de Moares. O Sr. Arturo acode de forma altruísta e como afeccionado -para matar o tempo e facer o que máis lle gusta: tocar e cantar- á taberna do lugar xuntándose coas amizades e divertíndose facendo farra mentres o corpo aguanta, pois inda que xa tiña unha idade gozaba dunha saúde de ferro. De feito, ata non hai moitos anos saían cantar polo Nadal, no Entroido...

Aquel mesmo día que nos demos cita con el acompañounos o Sr. Arturo Martelo -gaiteiro da requinta dos Portelas- e entre os dous agasalláronnos con este tema chamado por eles “Fuliada cantada”, que lles escoitaran de mozos á requinta Os Beiros da Ponte Nafonso1. Con esta composición deixamos constancia, a través de dous músicos como O carteiro e O gaiteiro de Moares, da evolución natural propia das melodías populares, expostas a unha continua variabilidade que enriquece o xa de seu rico patrimonio inmaterial.

Vaia pois na súa memoria a “Foliada dos Beiros”.


Fontes:

  • 1 Os Beiros de Ponte Nafonso foi un conxunto musical que marcou un antes e un despois na historia musical do concello de Noia. Formado a principios do 1900 e liderado por ‘Che’, dos Beiros, sería berce de numerosos músicosno municipio noiés.