Asociación cultural A Serna de Rois


No ano 1986 un grupo de mozos e mozas con inquietudes culturais, e por mor da escasa oferta existente neste eido, decide crear a A.C A Serna “nuns anos en que Rois estaba ‘morto’ culturalmente". Neses anos, no concello non se rexistraba unha tradición asociacionista, máis alá da Asociación de Mulleres Rurais en Urdilde, promovida pola Extensión Agraria de Padrón, e a Asociación de Amas de casa de Rois.

O grande exemplo dos devanceiros serviríalles de inspiración á xente nova:

"Na xeración de nosos pais e avós tocaban a pandeireta, a gaita, falaban das regueifas, celebraban o Entroido con ‘vellos’, comparsas, madamas... E sentiamos que era algo que se estaba a perder".

A primeira presidenta da Serna foi Mª. Jesús Castro Neo, de Buxán, ata o ano 1991 cando dimite ao ser elixida concelleira (a primeira en Rois dentro da etapa democrática; na Ditadura unha mestra fórao uns meses). O compañeiro que a substitúe, Ramón Casal, de Rois, pasados catro anos tamén dimite polo mesmo motivo.

Para o nome da asociación querían un que fose identificativo de Rois, o que non foi fácil. Adriana Vázquez Gómez, natural de Oín e estudante de filoloxía galega -co tempo chegou a ser a terceira presidenta-, fixo a proposta que máis gustou:

“Rois ten un carballo debuxado no escudo. A mellor parte madeira é a cerna, pero na fala nós nunca dicimos ‘cerna’ senón ‘serna’; e que mellor serna que e a do carballo, tan noso. Ademais dáse a casualidade de que a familia da persoa que propuxo o nome é coñecida polos ‘da carballa’, o que lle engadía unha certa retranca ao asunto”.

O núcleo da asociación estaba composto por mulleres de entre 18 a 36 anos, moitos e moitas estudando e traballando fóra de Rois. Os máis deles eran das parroquias de Rois, Oín, Buxán, Herbogo e Seira; zonas onde fundamentalmente divulgaban as actividades.

Inda que ao primeiro solicitaban o espazo no colexio dos Dices (Rois) para algunhas actividades, fundamentalmente empregaron os locais en fronte á igrexa, construídos por veciños en terreo comunal para aulas antes de existir o colexio. O devandito espazo estaba abandonado e A Serna solicitoulle seu uso á Comunidade de Montes da Parroquia de Rois co compromiso de arranxalo entre os socios:

“Alí representariamos a primeira obra de teatro da asociación, moi orixinais non fomos pois tratouse dun clásico de Castelao: ‘Os vellos non deben namorarse’. Unha socia -mestra no Colexio de Rois- foi a directora e a encargada dos decorados”.

Pasados os anos, os donos do Bar As Palmeras -fronte á casa do Concello- prestaron un salón na primeira planta, no que incluso permitiron instalar unha pequena tarima de madeira para ensaiar e representar obras de teatro. Moitas organizacións solicitábano para actos públicos, non era de uso exclusivo de A Serna.

Neste contexto, a primeira actividade organizada tiña de ser xénero teatral, en concreto unha obra representada por Ditea, coa dirección de Agustín Magán:

“Para nós foi un presentarse aos veciños ‘ao grande’”.

O teatro vai ser unha constante durante quince anos e a progresión deste foi en aumento coa ‘Semana do teatro’. Da man de A Serna realizáronse intercambios con outros grupos teatrais e actuaron en Rois persoas que daquela aínda non eran moi coñecidos e estaban facéndose un nome, tales como Vidal Bolaño; Carlos Blanco; Quico Cadaval ou Mofa e Befa. Cómpre mencionar que a persoa que durante moitos anos ensaia o grupo de teatro foi Artur Trillo, de Talía teatro.

Xunto ao teatro, outro dos logros da Serna veu da man das pandeireteiras, alumnas do Colexio de Rois e grazas a Cristina García Cancela profesora do centro escolar e integrante de Cantigas e Agarimos, alén de compañeira da socia da Serna -como xa comentamos anteriormente-, Marisa Neo, tamén mestra no colexio. Logo de acordar a integración do grupo de pandeireteiras, organízase con outras persoas de Cantigas e Agarimos para impartir dentro da Serna clases de baile galego (grupo de maiores e pequenos), gaita e percusión. A Cristina substitúea Mercedes Rodríguez Vázquez ‘Merchi’, pertencente tamén a Cantigas e quen realiza recollidas ás persoas de Buxán gravándolles diversas pezas. A sección de pandeireta destacou en concursos e certames, así como nas festas patronais en parroquias de Rois e comarca. En canto á roupa para as actuacións algunha era prestada por veciños e familiares que en anos anteriores participaran en actividades de desenvolvemento rural dirixidas a mulleres novas, estamos a referirnos ao ‘Plantel’ ou ‘PPO’, formación creada para os anos sesenta e setenta baixo o Réxime franquista, posta en marcha en Oín e Rois para que as rapazas que participaran coseran traxes tradicionais e practicasen baile galego.

A medida que foron facéndose mozas as pandeireteiras van abandonando o grupo ata que nos anos 90 decae totalmente a actividade da Serna relacionada co ámbito do tradicional.

Con todo, o bo facer da Serna non se limita ao exclusivamente folclórico. A finais dos oitenta o concello ante a falta dunha festa local empezou a impulsar a celebración do San Isidro, só conmemorado pola Cámara Agraria. Desde a asociación colaborouse neses primeiros anos co grupo de baile e pandeireta, coa exposición de obxectos antigos de enxoval doméstico, ferramentas propias de oficios, fotos antigas, etc.

A presenza da Asociación no concello ten lugar varios anos máis nos que se encargan de confeccionar a roupa na Cabalgata de Reis ou no Entroido celebrar o concurso de disfraces e comparsas. Coa edición da revista A Serna reflíctense charlas sobre distintos temas en función do interese ou actualidade do momento (agrarias, saúde, cultura...).

No ano 1995 Adriana Vázquez asume a presidencia da Senra, sendo posteriormente substituída por Ana Rodriguez, de Buxán, ata que nos primeiros anos iniciado o século XXI decae a actividade ata desaparecer a Asociación Cultural A Senra.