Conto de lareira. Josefina Gómez Mata. Angueira de Castro (Sta. Mariña de Ribasar)


Na parroquia de Ribasar situada no leste do concello de Rois, atopamos moi poucos referentes ou testemuños vivos do noso folclore. Logo de falar cos maiores do lugar, xente de máis de noventa anos como o Sr. Balbino García Martínez, do Sisto; dona Carme Gómez Gosende; Josefina Gómez Mata, de Angueira de Castro, ou Manuela Cambre Fraga, de Francelos, axiña nos decatamos de que a rotura xeracional se adiantara unha xeración con respecto a outras zonas ou parroquias do concello.

A cuestión é que as nosas transmisoras acordan como de rapazas se facían as foliadas nas eiras comunais de mallar e as que tocaban a pandeireta eran mozas feitas, como a señora Florinda, do Faramello, dez ou quince anos maior ca elas. As de seu tempo non tomaran o relevo nesta arte, a ningunha se lle dou por aprender a tocar a pandeireta nin a bailar o solto.

As últimas referencias de tanxedoras de pandeireta máis próximas atopámolas a cabalo entre o lugar do Faramello (Rois), Francos (Teo) e Angueira de Suso (Padrón) onde conflúen os lindes dos tres concellos mencionados. Nun exemplo máis, vemos como o folclore non entende de fronteiras e a proximidade dos lugares establece unha interrelación destacada, sobre todo cando aínda se oficiaba misa todos os domingos na capela que se atopa dentro das lindes do pazo de Faramello (propiedade da familia Rivero de Aguilar1). De feito, nesta capela constatamos a oficialización de casamentos á vella usanza nos que, logo dos oficios relixiosos, tiña lugar o banquete co consecuente desenlace en regueifa. Para este rito propiciatorio era de honra facer un baile solto coa regueifa na cabeza, sendo costume no lugar chamar a señora Piedad do Areal (Angueira de Suso), recoñecida bailadora do lugar que oficiou máis de cincuenta casamentos coma madriña de honor portando a regueifa ao son da pandeireta ou da gaita de fol.

Un dos datos que máis nos chamou atención é o feito de que en toda a parroquia de Ribasar non demos coa figura do gaiteiro, ninguén recordaba a existencia dun só músico afeccionado (gaiteiro, acordeonista...) e o grupo que máis soaba era o conxunto dos Hnos. Lamas de Cornide (Teo). Pola contra achamos no lugar moitas historias daquelas que lles contaban os avós ós cativos da casa alá polos meses de inverno ao carón da lareira. Moitos dos casos eran reais pasando a formar parte da nosa historia recente, como por exemplo “O asalto ao tren na estación do Osebe pola resistencia antifascista”, dirixida polos irmáns Liste de Calo e que nos relatou a Sra. Balbina do Sisto. Outras coma o accidente ferroviario que aconteceu en 1952 próximo ao lugar de Pazos, entre a estación de Padrón e A Escravitude, relatan sucesos tráxicos que deixaron, aínda hoxe, unha lembranza nas xentes da bisbarra:

Imaxe de Josefina Gómez Mata. Ribasar
Josefina Gómez Mata. Ribasar
Conto da lareira
“Fora un choque violento entre uns vagóns cisterna cargados con gasolina que se soltaran indo colidir contra o convoi que saíra de Padrón dirección a Santiago. O impacto fora tremendo e arrasou con todo, o combustible era altamente inflamable e provocou unha forte calor que abrasaba... Vinte e tres persoas perderan a vida!”.

Estes e outros feitos históricos quedaron recollidos a través da cultura oral como reflexo da memoria colectiva existente nunha determinada contorna. A transmisión interxeracional provocou que moitos dos relatos chegasen aos nosos días, mais coas lóxicas variacións que conleva o boca a boca na oralidade.

De entre os testemuños recompilados escollemos a vivencia transmitida por dona Josefina Gómez Mata. A paisaxe do rural galego nos anos corenta, os chamados ‘anos da fame’, son o marco da historia, onde a escaseza de alimentos era un feito real que padecía a maioría da poboación. Nestas circunstancias as autoridades estaban obrigadas a tomar medidas na repartición de consumibles a través das cartillas de racionamento, vales coa intención de evitar o estraperlo a modo de transición económica, xunto aos pagarés que controlaba o concello, permitindo comercializar parte da colleita fixando prezos por quilogramos.

Aínda eran unhas cativas Josefina e mais dúas compañeiras cando teñen que saír da casa de Angueira de Castro coa finalidade de conseguir algo de millo para afrontar a subsistencia no fogar, pois a miúdo o froito esgotábase antes de que chegara a outra colleita. Dirixidas dende o concello, as raparigas desprazábanse a zonas altas onde se atopaban as casas fortes de labrada que comercializaban cos seus excedentes.

O que máis lles chamaba a atención ás nosas aventureiras era o percorrido tortuoso ata as terras altas, carreiros cativos cheos de cancelas de pau a cada tanto. Nunha das veces, logo de percorrer quilómetros cruzando os montes cheíñas de medo e sabe Deus por onde, chegaron á tardiña baixa a unha eira de mallar de onde foron botadas de malas maneiras, algo incomprensible e humillante para calquera nesta situación. A falta de organización no tema dos vales e de comprensión nos terratenentes por quen non dispoñen de terras desencadea feitos tráxicos e desagradables.

Josefina aproveitaba este relato para contárllelo ós seus familiares (fillos e netos). A modo de consello, recorría á historia para achegarlles a realidade da vida mesma. Unha estampa bucólica do que estaba a acontecer naqueles anos complexos marcados pola miseria:

“A vida é como un camiño costa arriba cheo de cancelas de pau que hai que superar; cando cres que chegas á cima inda pode complicarse máis, pero ao final do camiño sempre se alcanza a luz”.

Fontes:

  • 1 Entre Rois e Teo, a doce quilómetros de Santiago, encóntrase o pazo do Faramello, unha xoia do camiño Santo. Edificio nacido en torno á primeira fábrica de papel de Galicia (1712) é dos poucos que suman a condición industrial e nobiliario, dado que o seu fundador foi un marqués italiano. Invisible desde o exterior, o pazo abre as portas baixo man de Gonzalo Rivero de Aguilar, un dos tres irmáns que herdou o pazo e se dedica por completo ao coidado, mantemento, promoción e difusión deste.