Radius: Off
Radius:
km Set radius for geolocation
Search

As Festas da Pascua inclúen preto dun cento de actividades durante 18 días

As Festas da Pascua inclúen preto dun cento de actividades durante 18 días

As Festas da Pascua de Padrón 2018, que terán como pregoeira á actriz con orixes padronesas Cristina Castaño e que se desenvolverán durante 18 días entre o 24 de marzo e o 14 de abril, contarán con preto dun cento de actividades entre competicións deportivas, ritos relixiosos, actividades culturais e concertos e espectáculos musicais.

Así o anunciou hoxe durante a presentación celebrada na Cidade da Cultura o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, que estivo acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e os concelleiros de Cultura e Festexos de Padrón, Lorena Couso e Ángel Rodríguez, respectivamente.

Fernández Angueira amosou o seu agradecemento a Cristina Castaño por aceptar “á primeira” a invitación para ser a pregoeira das festas e precisou que a lectura do pregón terá lugar o día 31 de marzo, sábado de Pascua, ás 21.00 horas na Praza de Macías.

En canto á programación de actividades, o rexedor padronés avanzou que no eido deportivo celebraranse competicións de fútbol -base e afeccionado-, fútbol sala, xadrez, tenis, ciclismo, un Día do Baloncesto coa presenza de xogadores do Monbús-Obradoiro CAB (28 de marzo) e ata unha velada de boxeo (6 de abril).

Espectáculos de música pop, heavy e djs

No apartado musical, ademais da participación de nove orquestras e de varias agrupacións folclóricas da bisbarra, salientou que haberá tres espectáculos destacados: o 31 de marzo, sábado de Pascua, celebrarase o Festival Pop Tour Padrón 2018 coa actuación dunha formación integrada por Miguel Costas (Siniestro Total), Santi Sánchez e Amigos (ex de Los Inhumanos), Carmelo López (El Norte) e Juanra (Guaraná); o día 2 de abril, luns de Pascua, está programado un concerto do grupo heavy-rock Astarot, de Cangas do Morrazo; e o día 6 de abril, venres de Pascuilla, actuará o grupo Eladio y los Seres Queridos e haberá unha Noite Dj Indie coa participación de Amatria Dj, Dorian Dj, Florent y Yo Dj Set e Groove Amigos + Blvckr.

Feira Cabalar e días de Santiago e Rianxo

A programación de actividades tamén dá continuidade a outras tradicións propias da Pascua padronesa, como é a Feira Cabalar no Campo da Barca o domingo de Pascua (1 de abril), na que se repartirán máis de 2.000 euros en premios nos diferentes concursos morfolóxicos; a XLVIII Feira-Exposición de Maquinaria Agrícola e Industrial; os pasarrúas con xigantes e cabezudos; o Día de Santiago (2 de abril, luns de Pascua) e o Día de Rianxo (3 de abril, martes de Pascua).

“Motor económico” de Padrón

Na súa intervención, o alcalde padronés lembrou que a Pascua é “unha celebración secular, da que xa a comezos do século XVII o cóengo cardeal de Compostela Jerónimo del Hoyo falaba como unha das mellores feiras do reino”. Partindo desas raíces históricas e baseándose no “moito que ten evolucionado ata converterse nun auténtico motor económico para Padrón”, indicou que o goberno local está a traballar para presentar a solicitude de declaración da Pascua como Festa de Interese Turístico de Galicia.

“Cremos que pensar nunha pascua en Galicia é pensar na Pascua de Padrón e pensamos que esta festa acumula méritos suficientes para conseguir esa declaración porque cumpre os parámetros de antigüidade, continuidade no tempo, singularidade, arraigamento social e promoción”, destacou o alcalde. Ademais, nesta edición a Pascua estrea unha imaxe corporativa propia inspirada nas súas orixes como feira cabalar e de gando e no seu carácter lúdico e festivo.

Por último, Fernández Angueira invitou a todos os galegos e galegas a visitar a capital da Comarca do Sar aproveitando “unhas festas nas que o Concello de Padrón segue a traballar para tratar de convertelas oficialmente o vindeiro ano na Pascua de toda Galicia”. “Coa campaña de promoción que imos facer, agardamos que, se o tempo acompaña, poidamos superar os 180.000 visitantes e alcanzar un novo récord de asistencia”, engadiu.

PASCUA PADRÓN 2018 PROGRAMACIÓN COMPLETA

Comments 0

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con