Rosalía de Castro, filla da fidalga María Teresa de Castro e Abadía, con orixe na Arretén (Padrón), naceu en Santiago de Compostela en 1837 e foi bautizada como filla de pai incógnito. Criouse coa súa nai en Padrón; despois trasladouse con ela a Compostela, onde se formou; e logo a Madrid, lugar onde se publicou o seu primeiro libro de poemas (La flor, 1857) e onde coñeceu e casou con Manuel Murguía.
Escritora de prosa e verso, co libro Cantares Gallegos (1863) situouse á fronte do Rexurdimento cultural de Galicia e con Follas Novas (1880) elevou a poesía galega aos máis altos cumes da súa historia. En castelán destaca coa novela El caballero de las botas azules (1867) e coa súa derradeira obra En las orillas de Sar (1884).
Na súa vida andou deambulando por diferentes vilas e cidades de Galicia e de fóra, e pasou os seus últimos anos na Casa da Matanza (Padrón), onde faleceu en 1885, con corenta e oito anos. Foi enterrada no cemiterio de Adina (Santa María de Iria, Padrón) e en 1891 foi trasladada ao Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval (Santiago).
No outono de 1947 créase o Padroado de Rosalía de Castro co fin de arranxar a Casa da Matanza, que sería restaurada en 1971 e convertida en Casa-Museo en 1972. A Fundación, que continúa co labor do Padroado, é a actual propietaria.
Neste espazo proponse un percorrido polos acontecementos que marcaron a vida e a obra rosaliana. Na planta baixa, denominada “O perfil dunha sombra”, o visitante pode apreciar a verdadeira dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, o contorno que a rodea e a relación do pobo galego coa figura da escritora.
Na primeira planta, denominada “ O seu”, proponse a recreación ambiental dunha casa rural de época, entre campesiña e fidalga.
Dende a súa apertura ao público, a Casa-Museo de Rosalía de Castro converteuse nunha referencia emblemática da cultura galega xa que é a casa que garda a memoria de quen é considerada a escritora nacional de Galicia.
HORARIOS
Horario Visitas Invierno:
Martes a Sábado: 10:00 a 13:30 h e 16:00 a 19:00 h
Domingos: 10:00 a 13:30 h
Luns: Pechado
Horario Visitas Verán:
Martes a Sábado: 10:00 a 14:00 h e 16:00 a 20:00 h
Domingos: 10:00 a 13:30 h
Luns: Pechado
PREZOS:
Entrada individual: 2,00€
Entrada grupos (máis de 20 persoas): 1,20€
Colexios: 1,00€
Menores de 6 anos gratis