Radius: Off
Radius:
km Set radius for geolocation
Search

Marta Pérez gaña a XIV edición do Premio Teatral Maruxa Villanueva

Marta Pérez gaña a XIV edición do Premio Teatral Maruxa Villanueva

O xurado valorou “a conxugación do didactismo co carácter lúdico, así como a reivindicación da igualdade como dereito e aspiración na obra Té con Kant”

O xurado do XIV Premio Teatral Maruxa Villanueva fallou a favor de Marta Pérez pola súa interpretación en Té con Kant, da compañía Inversa Teatro, converténdoa así en gañadora da edición 2014 . Os expertos valoraron a “conxugación do didactismo co carácter lúdico, así como a igualdade como dereito e aspiración” que quedan plasmados na mencionada obra. Así mesmo, o xurado destacou tamén o traballo de Pérez á fronte de Inversa Teatro, indicando que “amosa unha capacidade de innovación na produción, con crecente proxección dentro e fóra de Galicia, que se transmite á orixinalidade e ó risco en todos os seus espectáculos”

O Premio está dotado con 1200 euros, un diploma acreditativo e un busto de bronce de Maruxa Villanueva creado polo autor padronés Camilo Seira.

Presidido pola Concelleira de Cultura, Carmen Lois, o xurado, reuniuse na mañá de hoxe ás 12.30 horas en dependencias municipais e estivo integrado ademais por vogais especialistas en artes escénicas e teatrais. Entre eles atopábanse Inma López Silva, escritora e profesora da escola superior de arte dramática, Afonso Becerra de Becerreá, profesor da escola superior de arte dramático e dramaturgo, Carlos Caetano Biscainho Fernandes, actor e profesor da Universidade da Coruña e Roberto Pascual Rodríguez, profesor da escola superior de arte dramático e director da mostra internacional de teatro de Ribadavia. Completou o xurado Cruz Taboada, animadora social do Concello de Padrón e que actuou como secretaria e Xosé Rei Rodríguez, representante do grupo municipal socialista.

A noticia foi xa posta en coñecemento da gañadora quen recollerá o premio nun acto público no vindeiro mes de novembro coincidindo coa apertura do outono cultural.