Radius: Off
Radius:
km Set radius for geolocation
Search

Padrón inaugura as I Xornadas gastronómicas `Padrón, sabor a lamprea´

Padrón inaugura as I Xornadas gastronómicas `Padrón, sabor a lamprea´

Padrón quere render tributo á lamprea e para iso celebrará as “I Xornadas gastronómicas, Padrón, sabor a lamprea,” un conxunto de actividades divulgativas e culinarias sobre este peixe que se desenvolverán entre o 27 de febreiro e o próximo día 15 de marzo.

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira e a concelleira de turismo, Carmen Lois, inauguraron esta tarde as xornadas no Auditorio municipal, recordando a longa tradición deste municipio na captura e comercialización da lamprea. Segundo Fernández Angueira, “con estas xornadas pretendemos apoiar o recoñecemento da pesca da lamprea nas pesqueiras do Ulla e poñer en valor as potencialidades da nosa hostalaría á hora de amosar as súas destrezas coa súa preparación”

A inauguración contou coa exposición fotográfica de Antonio Hernández, “As augas do Ullán”, que tan ben soubo plasmar coa súa cámara o universo do río Ulla. Tamén estivo no acto Miguel Piñeiro, unha das persoas que máis saben e mellor coñecen o mundo da pesca fluvial en Galicia, quen falou da “A lamprea un patrimonio único”.

O alcalde, que cualificou de “especialmente interesante” o ámbito a tratar, engadiu ademais que con este recoñecemento “non queremos focalizar exclusivamente no campo culinario senón que ademais logramos programar un conxunto de actividades divulgativas que posibilitarán aos participantes o achegamento á cultura da lamprea dentro do noso municipio”.

Programa
Na súa intervención, o primeiro edil de Padrón foi debullando o programa destas ‘I Xornadas gastronómicas, Padrón, sabor a lamprea’ que comezarán mañán coa celebración do Obradoiro divulgativo infantil, que se desenvolverá na Biblioteca municipal entre as 11.00 e as 14.00 horas.

Entre os días 2 e 6 de marzo, en horario de 16.30 horas a 20.00 horas, padroneses e visitantes poderán ver a exposición fotográfica ‘Ás augas do Ullán’, con imaxes do fotoxornalista Antonio Hernández. No ámbito divulgativo destas xornadas, o día 5 de marzo ás 20.00 horas, no restaurante A casa dos Martínez, desenvolverase unha conferencia sobre a lamprea, pronunciada polo profesor titular da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo Manuel Ángel Pombal.

O día 7 de marzo terá lugar o Obradoiro divulgativo familiar, que se desenvolverá en Herbón.

Por último, o programa de divulgación da cultura da lamprea en Padrón pecharase o día 12 de marzo, coa conferencia que pronunciará no restaurante Chef Rivera o historiador padronés Xosé Carlos Beiró Piñeiro.

“Menú lampreeiro”

E para completar o programa das “I Xornadas gastronómicas, Padrón, sabor a lamprea”, entre os días 13 e 15 de marzo, os restaurantes e locais de hostalaría do municipio vestiranse de gala para ofrecer o “menú lampreeiro”, co que ofertarán os mellores guisos e empanadas de lampreas a todos os participantes.

En definitiva -concluíu o rexedor padronés- “cremos que estas xornadas servirán para dar a coñecer a nosa tradición e historia en canto á pesca da lamprea e a súa elaboración culinaria, á vez que dinamizar a nosa hostalaría e gastronomía padronesas”.