Radius: Off
Radius:
km Set radius for geolocation
Search

Padrón celebra as primeiras xornadas sobre a lamprea

Padrón celebra as primeiras xornadas sobre a lamprea

“Padrón, sabor a lamprea” será o acontecemento gastronómico desta tempada na comarca padronesa. Entre os días 27 de febreiro e 15 de marzo, o Concello de Padrón volcarase na celebración das I Xornadas Gastronómicas sobre a Lamprea, nas que amais de degustacións, desenvolverase un completo programa cultural e divulgativo para poñer de relevo a importancia que tivo esta pesqueira na historia da vila.

O programa “Padrón sabor a Lamprea” comezará o día 27 de febreiro coa inauguración da exposición divulgativa sobre a pesca deste peculiar peixe e o seu hábitat. Nesta mostra, en cuxa inauguración participará o xornalista experto en pesca Miguel Piñeiro, poderán verse a exposición fotográfica “As augas do Ullán” do fotoxornalista Antonio Hernández, así como varios paneis informativos e artes de pesca específicas.

A exposición permanecerá aberta ao público entre os días 2 e 6 de marzo para despois trasladarse aos centros educativos padroneses de forma itinerante.

Actividades infantis e familiares
Entre as actividades destas I Xornadas Gastronómicas “Padrón, sabor a lamprea” destaca o día 28 de febreiro o obradoiro divulgativo infantil “Os nenos, cinco sentidos coa lamprea” organizado coa finalidade de que a poboación máis nova se familiarice co mundo deste peixe. Nestes obradoiros, os pequenos poderán tocar, oler, ver e degustar a lamprea para coñecer máis de preto o peixe que se considera o menos evolucionado do mundo.

Asemade, o día 1 de marzo terá lugar un obradoiro divulgativo familiar destas mesmas características en Herbón, parroquia do municipio de Padrón na que radica o maior número de pesqueiras.

A actividade divulgativa das I Xornadas Gastronómicas “Padrón, sabor a Lamprea” continuará o día 5 de marzo coa charla científica que impartirá Manuel Ángel Pombal, profesor titular de Bioloxía da Universidade de Vigo e vicepresidente da Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) sobre a lamprea e as súas curiosidades.

O ámbito da divulgación pecharase o 12 de marzo coa charla sobre os sistemas específicos para a pesca, pesqueiras e a súa historia, ofrecida polo historiador padronés Xosé Carlos Beiró.

Degustacións
O programa destas I xornadas gastronómicas sobre a lamprea en Padrón complétase coas degustacións en 10 restaurantes do municipio que se desenvolverán os días 13, 14 e 15 de marzo. O prezo por persoa para participar nesta actividade é de 25 euros.

Con esta iniciativa, o Concello de Padrón quere poñer de relevo a importancia da pesca da lamprea no municipio, non so no ámbito gastronómico coas afamadas empanadas, senón tamén no que se refire á actividade profesional, cuxa orixe pérdese na noite dos tempos, aínda que o primeiro documento que outorga unha concesión para pescar lampreas no Ulla está datado no século IX e hoxe gárdase en Herbón.

Na actualidade, as pesqueiras mellor conservadas no municipio de Padrón son Areas, Vellas, O Canal, O Plateado, A Trapa e Coqueiro e poden recoñecerse dende a beira.